Friday 03 de May de 2024

O documental “Cardoña fotos a 7 pesetas” preséntase este xoves en Neda, no local social do Puntal


O local social do Puntal acollerá o 16 de novembro, a partir das 20 horas, a presentación da curtametraxe documental “Cardoña fotos a 7 pesetas”, que repasa a vida profesional do fotógrafo José Gestal, que entre os anos 40 e 70 do pasado século traballou de xeito itinerante por concellos da provincia. A presentación, promovida pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Neda, incluirá a proxección da película e un coloquio posterior con Carlos Lorenzo, director e produtor do obra.

O documental pon en valor os fotógrafos populares que traballaron por diversas comarcas de Galicia e do resto de España no século XX, cargados coas súas cámaras para buscar a quen tirarlle unha foto nunha feira, nunha romaría, nunha celebración relixiosa ou mentres traballaban nos labores agrícolas ou artesanais. Fotógrafos que atendían tamén as chamadas dos noivos para as vodas e asistían aos velorios para fotografar aos defuntos.

No caso de Cardoña, que era como coñecían a José Gestal, este traballo levábao a cabo camiñando por un extenso territorio na contorna da cidade da Coruña, primeiro para buscar a quen facerlle a foto e logo para venderlla. O documental reivindica ademais o traballo invisible que realizaba María, a muller de Cardoña, que se encargaba de todo o traballo que se levaba a cabo no laboratorio, e no que tamén axudaba a súa filla Matilde.
Moitas familias conservan nos seus álbums familiares fotos tiradas por fotógrafos populares Cardoña, cuxa autoría pódese recoñecer xa que no reverso cuñaba as fotos con Foto Gestal e a data na que foi tirada a instantánea. Hoxe en día todas estas fotografías supoñen un gran valor documental, xa que nos permiten ollar como era o xeito de vida daquel tempo, os seus oficios, tradicións e as paisaxes rurais duns territorios hoxe xa transformados.
O documental que se proxectará este xoves no Puntal foi seleccionado por festivais de cine internacionais en Galicia, Barcelona, a India, Países Baixos ou Venezuela, obtendo unha mención de honra do xurado do Kolkata Shorts International Film Festival na India. Este é a segunda película documental do produtor e director Carlos Lorenzo, que ademais é o técnico de Cultura do Concello de Carral.